_

Unha máquina de debuxar para implicar a cidadanía na creación artística

2019

O alumno de Belas Artes Marco Moreira foi un dos seleccionados na Bienal de Coruche

Participa nestas semanas nunha residencia nesta vila portuguesa

Alumno de doutoramento da Facultade de Belas Artes, Marco Moreira centra a súa investigación nas máquinas de debuxar e na interacción e interactividade que poden xerar estes dispositivos, que é tamén o que nestas semanas busca na vila portuguesa de Coruche, despois de ser un dos dez artistas seleccionados para as residencias artísticas impulsadas ao abeiro da bienal que promove o Museo Municipal desta localidade. “Continuando coa miña investigación, onde fago unha reflexión sobre a miña propia práctica artística e na que o debuxo ten unha grande importancia, nesta residencia decidín construír unha máquina de debuxar”, explica este artista, que, co propósito de promover esa interacción coa comunidade local, traslada este dispositivo ás rúas de Coruche “para convidar ás persoas a que se relacionen con ela”.

Nacida no ano 2003, a Bienal de Coruche impulsou neste 2019 por primeira vez unhas residencias para as que foron seleccionados dez artistas, entre os que figura Moreira, que participa nestas semanas na primeira fase desta iniciativa xunto a Catarina Real, Eunice Artur, Eugenia Emets e Joana Patrao. Tralo desenvolvemento da segunda fase con outros cinco artistas, no mes de xullo, as obras xurdidas destas estadías serán presentadas na exposición que a bienal desenvolverá entre o 28 de setembro e o 13 de outubro. “Penso que é unha experiencia moi interesante a todos os niveis, coñecer outros artistas e axentes do medio é fundamental para relacionarse e coñecer o que se está facendo agora na arte contemporánea”, destaca Moreira da estadía que lle levou a traballar no Barrio Novo de Coruche, nuns talleres que no pasado formaban parte das instalacións dunha cooperativa panificadora.

Un proxecto de traballo aberto e vinculado á súa investigación

Implicar á comunidade local na creación artística era unha das propostas que a organización desta bienal trasladou aos seleccionados e seleccionadas para estas residencias, á que Moreira concorreu, recoñece, cun proxecto de traballo “moi aberto”, no que se propuña articular “unha reflexión sobre a práctica do deseño, explorando os seus límites entre o bidimensional e o tridimensional, entre a representación e o real”, poñendo o foco desta volta na “inscrición de lugar”, na exploración dun novo espazo de traballo. “Cando cheguei empecei a buscar algo que me permitise crear unha relación entre artista e comunidade”, explicou o investigador, quen enmarcou esta iniciativa na súa propia investigación, moi vinculada ao debuxo, e a través do dispositivo ao que deu forma cos materiais cedidos pola organización, co propósito de que, coa participación da cidadanía, a interacción con este permitise ir deixando diferentes rexistros sobre o papel.

 

Pontevedra, 11 de Junio de 2019

Eduardo Muñiz

 

Eduardo Muñiz “Unha máquina de debuxar para implicar a cidadanía na creación artística“; DUVI, Diario da universidade de Vigo. Disponível em: https://www.uvigo.gal/en/universidade/comunicacion/duvi/maquina-debuxar-implicar-cidadania-creacion-artistica?fbclid=IwAR3aV9XxpiMvN_XkqHe6x9qhCgg0FXv6bOW8jlghBF7Bm3mowq5Ehf0_aZ4 Acesso em: Junio 2019

_




Marco Moreira

Privacy Preference Center

eXTReMe Tracker