Máquinas e interaccións que conducen á xénese do “acto de debuxar”
2022A mostra reúne unha serie de obras ligadas á súa tese de doutoramento
Os conceptos do interactivo e a interactividade nas obras de arte centraron en gran medida a investigación, teórica e artística, que o alumno de doutoramento da Facultade de Belas Artes Marco Moreira desenvolveu para a súa tese, que na tarde deste venres defende na sede da Fundación RAC, onde, horas despois, inaugura Primum Movens, exposición na que reúne unha selección de obras xurdidas desta investigación. Promovida polo grupo de investigación dx5, esta mostra reúne un conxunto de “artefactos e instalacións murais” que se mostran como unha sorte de “máquinas de debuxar potencialmente interactivas, que involucran o espectador no proceso”, como salienta a profesora Anne Heyvaert, comisaria desta exposición e directora da tese de Moreira.
“O título da mostra, Primum Movens, remítenos a unha forza impulsiva, primixenia, profunda, que podería simbolizar a orixe e a transitividade do acto creativo”, sinala Heyvaert, que destaca como a través das pezas reunidas na exposición, Moreira “parece querer internarnos na experiencia do acto de debuxar, na súa xénese mesma, que non está na intencionalidade, senón na súa fenomenoloxía, que resulta da interactividade”. Desde unha máquina con rodas que vai xerando debuxos sobre o papel a partir do propio movemento ata unha sorte de “matriz” de gravado construída cunha serie de lapis, pasando por unha instalación mural que Moreira deseñou especificamente para este espazo expositivo, diferentes xeitos de achegarse ao feito de debuxar forman parte dunha mostra que poderá visitarse ata o 4 de novembro. Resultado dunha colaboración entre a Fundación RAC e a Facultade de Belas Artes dirixida a presentar os resultados artísticos das investigacións desenvolvidas no doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea, a exposición insírese á súa vez na liña de investigación Gráfica de campo expandido. El múltiple que ocupa el espacio, do grupo dx5. De feito, tras a inauguración, o luns 24 ás 16.00 horas terá lugar unha visita guiada á mostra, inserida na programación do encontro de interacción gráfica que o grupo promove nesa xornada na Casa das Campás. A partir de entón, a mostra poderá visitarse de mércores a venres en horario de 19.00 a 21.00 horas.
Máquinas que foron tamén o motor da tese
Promovida coa colaboración da fábrica portuguesa de lapis Viarco, Primum Movens reúne un conxunto de “ferramentas e máquinas de debuxar” que, como explica Moreira, son tamén algúns dos principais resultados da investigación “teórico-práctica” que desenvolveu nestes anos. “Son unha parte esencial da tese”, recoñece o artista e investigador luso, quen lembra, non obstante, que algunhas das obras presentes na exposición foron feitas antes de que comezase a traballar na súa tese. “Pero foi por desenvolvelas polo que decidín traballar nesta cuestión”, engade dunhas pezas “que foron o inicio desta aventura” e que este venres o acompañan na defensa da súa tese Máquinas de desenhar: o interativo e a interatividade.
Nese senso, as diferentes pezas formaron parte dun proceso no que Moreira afondou na relación entre o artista e o público a partir da concepción dunha obra non como un obxecto que é observado, senón como un dispositivo que posibilita a interacción e a interactividade. Ese foi, por exemplo, o punto de partida da máquina que, a partir dunha mesa de traballo, construíu en 2019 na Bienal de Coruche, en Portugal e na que unha serie de lapis suspendidos xeran diferentes debuxos sobre o papel a partir do propio movemento. “Na miña práctica de traballo, funme dando conta de que invitar o público a interactuar dunha forma activa na construción ou deconstrución da obra permitía crear unha relación interactiva” entre Moreira, que incide en como esa relación permite tamén alongar “o proceso do taller ata a galería ou sala de exposicións”. Esta serie de dispositivos, engade Heyvaert, “permiten construír unha idea de debuxo sen dúbida ancestral e esencial que, como metáfora de fusión do pensamento co corpo e o espazo, evócanos unha relación primaria do ser co mundo”, construída á súa vez a partir dos “principios e elementos esenciais do debuxo”, desde a súa materialidade e o uso de ferramentacomo os lapis ata as ideas de “proceso e acción, tempo e espazo”.
Pontevedra, 21 de octubre de 2022
Eduardo Muñiz
Eduardo Muñiz “Máquinas e interaccións que conducen á xénese do “acto de debuxar“; DUVI, Diario da universidade de Vigo. Available in: https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/duvi/maquinas-interaccions-que-conducen-xenese-acto-debuxar?fbclid=IwAR11pY-5r12ovdeGTt_pll1n6ws1t0nDvjYxVJU5rhPC4mm_MDFywDbgNKo Accessed in: October 2022