_

Catro anos xerando masa crítica para o estudo teórico da arte de acción

2019

Arrincou na sede da Vicerreitoría o IV Congreso Internacional ‘Fugas e Interferencias’

Coa participación de investigadores de España, Portugal, Estados Unidos e México

A perfomance é “unha práctica que acontece no momento, nun espazo determinado e diante dunha audiencia, que non deixa rastro”, salienta o profesor da Facultade de Belas Artes Carlos Tejo como un dos factores da falta de investigacións académicas sobre esta disciplina. Outro, engade, é a ausencia de eventos académicos como o IV Congreso Internacional de Arte de Acción Fugas e Interferencias, que dirixe xunto coa crítica de arte Marta Pol e que este xoves celebrou a súa inauguración na sede da Vicerreitoría do campus. “Son xa catro anos e estamos nun punto de inflexión interesante, empezando a conseguir un dos obxectivos principais do congreso, que era crear unha masa crítica en torno á arte de acción”, destacou Tejo na apertura deste evento, que reúne a investigadores e investigadoras de España, Portugal, Estados Unidos e México. Seis mesas de presentación de comunicacións e tres conferencias integran o programa deste foro académico, complementado por performances como as que este mediodía desenvolveron en Belas Artes dúas alumnas da facultade.

“A ausencia de investigación dentro da performance fai que a práctica non evolucione”, engadiu Tejo na inauguración deste congreso, que esta tarde se traslada ao Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago, onde continuará desenvolvéndose nas xornadas de venres e sábado. Na súa apertura, Tejo puxo de relevo tamén que pese a que “a performance está perdendo o seu carácter periférico e comezando a ter moita máis visibilidade”, a disciplina segue marcada pola ausencia de investigacións. O director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e de Integración do campus, Manuel Morquecho, o decano de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, e Marta Pol participaron tamén neste acto no que Buxán puxo o acento en como Fugas e Interferencias “está significándose no contexto nacional e internacional”.

Tres liñas de análise

Co ese propósito de “xerar un corpo teórico” arredor desta disciplina, o congreso abriuse coa presentación das actas da súa anterior edición, a cargo da investigadora Sonia Tourón, sucedida pola primeira das súas seis mesas. Centrada nas interseccións da arte de acción con outras disciplinas, contou coa participación do investigador Raúl Amorós, que desenvolve a súa tese de doutoramento nas universidades de Santiago e Venecia, e que puxo en relación a performance cos inicios do land art na década de 1960. “Eses primeiros anos serviron como fonte de estímulo para os artistas contemporáneos, para o que se está facendo agora”, salientou Amorós, que relacionou a “clara matriz ambientalista” e as relacións coa política e o feminismo dos inicios nestas disciplinas cun momento actual, “no que creo que a arte vaise achegar cada vez máis á natureza e ter tamén un carácter máis colectivo”. Esta primeira mesa contou tamén coa intervención do alumno de doutoramento da Facultade de Belas Artes Marco Moreira, que abordou o concepto de “vitalidade esencial” que desenvolve na súa investigación e que fala “de una relación entre razón e intuición que existe en cualquier actividad”.

Previamente, Marta Pol debullará na presentación as liñas de análise das 18 comunicacións que se presentan nestas mesas, articuladas en torno a tres liñas de análise. A primeira, explicou, esas “interseccións” con outras disciplinas, que levan a analizar aspectos como a súa interacción “co espazo natural e a paisaxe”, a súa expansión “a ámbitos nos que a experiencia da participación e a convivencia son fundamentais” ou o seu valor “como instrumento pedagóxico”. Un segundo eixo proporá, nas dúas mesas que o CGAC acollerá o venres, unha análise da “a natureza da arte de acción desde unha perspectiva de xénero”, mentres que o sábado terán lugar dúas mesas de reflexión teórica sobre esta disciplina, nas que se incidirá na súa relación co sonoro e co debuxo, na súa “interacción co ámbito da moda” ou na súa “dimensión poética”.

O congreso completarase coa conferencia na que, esta tarde, o comisario e investigador mexicano Pancho López abordará o panorama da performance contemporánea no seu país, xunto ás que ofrecerán o sábado o crítico e profesor da Universitat Politécnica de Valencia Juan Vicente Aliaga e o crítico Jorge Luis Marzo.

Cuestionando os “comportamentos sexuais heteronormativos”

Trala primeira mesa, Belas Artes acolleu as performances das alumnas Vanesa Martínez e Carmen Cuervo, xurdidas dun proxecto financiado pola Unidade de Igualdade da Universidade, que Tejo levou a cabo no marco da materia Proxectos de arte de acción. O propósito desta actividade, explicou, era afondar na performance “dentro dun marco de rebeldía fronte á sexualidade heteronormativa e heteropatriarcal”, cuestionando “os patróns de comportamento sexual que veñen impostos”.

Xunto a estas iniciativas, o congreso acolle tamén as accións na que Pancho López “reflexiona sobre a súa visión do que é o amor” e a que este sábado dous ex-alumnos de Belas Artes, Lois Búa e Sandra Varela, centrarán en problemas medio ambientais. Nese senso, Tejo puxo en valor a importancia de que Fugas e Interferencias sirva tamén como “un espazo de visibilidade” para “a interesante canteira de performance” que, lembrou, grazas á facultade e outros factores, “conseguimos crear en Pontevedra”.

 

Pontevedra, 28 de novembro de 2019

Eduardo Muñiz

 

Eduardo Muñiz “Catro anos xerando masa crítica para o estudo teórico da arte de acción“; DUVI, Diario da universidade de Vigo. Disponível em: https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/duvi/catro-anos-xerando-masa-critica-estudo-teorico-arte-accion?fbclid=IwAR069IvKIzWoZrVUu4BU_q1gQLlp-Pmog5NXrYrgC9Hev7AwS7BKwEVDTd4 Acesso em: Novembro 2019

 

 

_




Marco Moreira

Privacy Preference Center

eXTReMe Tracker