Paisaxes interiores / exteriores
2020Kiosco Alfonso e Palexco acollen a mostra PAISAXES INTERIORES / EXTERIORES, na que 42 artistas atestiguan da vitalidade creativa da nosa cidade. Trátase, segundo as comisarias Ánxela Caramés e Leticia Castromil, dun achegamento de urxencia, neste ano da pandemia, no que prima o poético sobre o analítico, por eso leva engadida a lenda “Un mundo que sofre baixo un manto de flores”. Entramos así nese recinto protector da creación, como aquel relatado por Bocaccio no “Decameron”, cando a peste de Florencia. E podemos ensoñar no bosque acolledor, con Víctor López-Rúa e no “Árbore de Eros”, con Correa Corredoira; vivir as máxicas presenzas dos obxectos de “ A vida interior” de H. Francesch; abeirarnos dos escuros cuartos do misterio íntimo nas “Traqueiras” de Xosé Cobas; atravesar as secretas Passages grises dos interiores de A. Heyvaert; entrar, con Iria Fafián, nunha natureza feérica e na mística dun interior xaponés. Podemos ficar encantados en azuis coas Ventanas i Encadres ensoñados de Bego Toxo; percibir as húmedas atmósferas das rúas e avenidas coruñesas, nos cadros de Pedro Bueno ou nos de Óscar Cabanas; tamén viaxar, con Juan Rodríguez, polo Nilo, Istambul, Xapón ou terras limítrofes da Patagonia; sentir o máxico silenzo da noite coruñesa, con Iria Cubillo; imaxinar coloridos paraísos tropicais con Eugenia Cuéllar; seguir os “Recreos lúdicos de V. Caramés”; abraiarnos diante das galerías baleiras de Lara Pintos; ou sentir a morriña do pasado, cos vellos vehículos de Edu Albo. Pero tamén podemos estremecernos cos óleos de Arantza Pardo que falan de forzas poderosas e de explosións indetibeis, ou percibir nas fotos de Amador Iravedra as ameazas que axexan na vida cotidiana. As películas de Oliver Laxe, “E as chimeneas decidiron escapar” e “Soa a Trompeta”, achégannos aos dramas e situacións fronteirizas. Así mesmo, vemos como o “Hogar dulce hogar” de Diego Cabezas é unha fráxil casiña ameazada pola enchente.. Das cerimonias cotidianas fala o video “Unidade veciñal”, de Tono Mejuto. Vida e morte fan o seu eterno contrapunto nas magnolias e caveiras de X. Gómez-Chao. As Fotocartas de J. Caruncho son fermosas composicións de libros e obxectos que dirixe a amigos como o pintor A. Carpo. Evocadora saudade transmiten os gravados de paisaxes de D. Aitchison. Cheos de lembranzas están os palcos de música espallados por toda Galicia que recollen as fotos de Luis Díaz. Da natureza galega falan as fotos de X. Lobato e de vellos muros, as de María Meseguer. Cillas Rodríguez e Tatiana Medal exploran linguaxes abstractas. Marco Moreira dalle un selo persoal a abstracción xeométrica. Polos camiños de Galicia lévannos os vídeos de Gonzalo Veloso, Belén Montero e Juan Lesta, Amador Lorenzo e, en especial “A carta xeométrica” de Miguel Mariño que fai homenaxe a Domingo Fontán. “Islas” de Samuel Castro, esculturas de Laura Pazos, collages de A. López e fotos de Enrique Lista e Yago Castromil completan esta mostra excepcional.
A Coruña, 20 de diciembre de 2020
Ánxeles Penas
Ánxeles Penas “Paisaxes interiores / exteriores“; El ideal gallego. Disponível em:https://www.elidealgallego.com/opinion/anxeles-penas/paisaxes-interiores-exteriores/20201219201908451954.html. Acesso em: Dezembro 2020