Alumnado de Belas Artes suma as súas creacións a un diálogo entre disciplinas
2018Alumnado de Belas Artes suma as súas creacións a un diálogo entre disciplinas coa participación de estudantes e docentes das tres universidades
Promover unha reflexión interdisciplinar sobre o proceso creativo contemporáneo é un dos propósitos centrais do I Encontro/Residencia de creadores emerxentes. Interaccións artísticas en Galicia, que desde a tarde do mércores reúne no Pazo de Mariñán, no municipio coruñés de Bergondo, a 40 estudantes e docentes das tres universidades galegas e dos conservatorios superiores de música de Vigo e A Coruña. Entre eles e elas, catro estudantes e unha ex-alumna da Facultade de Belas Artes que, baixo a coordinación de Anne Heyvaert, achegan a este encontro tres proxectos artísticos dirixidos a xerar unha interacción cos creadores e creadoras que reúne un encontro organizado conxuntamente polas tres universidades, os conservatorios superiores e a Real Academia Galega de Belas Artes, coa colaboración da Deputación da Coruña.
“A idea é que estudantes de diferentes disciplinas se atopen, que as distintas disciplinas se relacionen e poidan xurdir sinerxías”, salienta Heyvaert destes tres de convivencia entre estudantes e docentes de arquitectura, didáctica da expresión plástica, música e artes. Froito do protocolo de colaboración que universidades, conservatorios e Real Academia Galega de Belas Artes asinaron en outubro de 2017, no encontro que coordina o profesor da Escola Superior Técnica de Arquitectura da UDC Fernando Agrasar a Universidade de Vigo está representada polos alumnos de doutoramento Ventura Pérez e Marco Moreira, os estudantes do máster en Arte Contemporánea. Creación e Invetsigación Teresa Pece e Luis González e pola ex-alumna deste mestrado Gabrielle Mendieta.
Tres propostas que se sustentan na interacción
Trala presentación das e os participantes e o acto inaugural celebrados na tarde do mércores, este encontro acolle ao longo deste xoves a presentación dos oito proxectos artísticos, arquitectónicos ou musicais que achegan diferentes grupos de estudantes. “No noso caso, priorizamos propostas artísticas que puidesen interactuar con outras disciplinas”, explica Heyvaert das tres propostas que Belas Artes achega ao encontro, nalgúns casos ideadas especificamente para este proxecto.
Ese é o caso de Fonotipo, a instalación que co apoio de Teresa Pece, Ventura Pérez presenta nesta actividade. consistente unha rede de campás cerámicas unidas a cordas de guitarra. “A vibración destas cordas pola interacción das persoas ou por outros elementos exteriores do pazo queda recollida en reverberacións dentro destas campás”, explica Pérez, quen engade que “optamos por esta instalación porque establece un vínculo entre diferentes campos como música, danza ou performance”, máis aló do seu “propio valor escultórico”, á vez que incide no positivo de iniciativas como este encontro para abordar posibles proxectos coxuntos no “territorio común” da creación contemporánea.
Máquina de debuxar é, por outra banda, o título da proposta coa que Marco Moreira propón explorar os límites e fronteiras do debuxo. Faino a través dunha caixa de madeira con catro buracos nos que, como se fose un xogo, as e os participantes poden inserir catro bolas de grafito que, ao caer ,van deixando un rastro “completamente aleatorio” sobre unha folla de papel. Trátase, sinala, dunha peza “que permite a calquera persoa participar e, ao mesmo tempo, deixar un vestixio nunha folla de papel, indeterminando dalgunha maneira o autor desa participación”, engade o investigador, que incide tamén no “estimulante” desta relación con creadores e creadoras doutras disciplinas, xa que, fronte á especialización, o artista debería ao seu xuízo “deixarse contaminar por outras prácticas e outras formas de ollar a realidade”.
Por último, e ex-alumna Gabrielle Mendieta desenvolveu este xoves no Pazo de Mariñán unha performance titulada Blanco sobre azul, baseada na investigación que desenvolve para a súa tese de doutoramento, que realiza na Universidade Politécnica de Valencia. “É unha peza abstracta que explora como a cor e o son, a través dun obxecto”, neste caso una pelota azul de frontón, e dos cambios que o seu movemento provoca nos corpos tanto da propia artista como dos espectadores, explica Mendieta, quen defende tamén a importancia da interacción entre disciplinas, en especial no eido da arte de acción. “Ás veces esquecemos que a performance bebe e que a súa necesidade é beber de varias disciplinas”, engade Mendieta quen sinala nese senso o positivo dunhas xornadas nas que “exploramos a mirada do artista contemporáneo e non necesariamente a mirada do bailarín, o pintor, o músico ou o escultor”.
A primeira actividade do protocolo de colaboración
O encontro que se completa na tarde deste venres cunha sesión de portas abertas constitúe a primeira das actividades impulsadas ao abeiro do protocolo de colaboración asinado por universidades, conservatorios e Real Academia Galega de Belas Artes, na que se enmarca tamén a Xornada de didáctica das artes na Galicia de hoxe: crear para ensinar, que se desenvolverá os días 5 e 6 de setembro na Universidade da Coruña, trala que está previsto que esta colaboración teña continuidade con outros cursos nas universidades de Vigo e Santiago.
.
Pontevedra, 21 de July de 2018
Eduardo Muñiz
.
Eduardo Muñiz “Alumnado de Belas Artes suma as súas creacións a un diálogo entre disciplinas“; DUVI, Diario da universidade de Vigo. Disponível em: https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/duvi/alumnado-belas-artes-suma-suas-creacions-dialogo-disciplinas Acesso em: July 2018